General

¿Como fala unha batucada sen dicir nin unha palabra?

Miguel Moreno Vizoso3 min de lectura

Para quen mira desde fóra, unha batucada pode parecer un caos fermoso: unha chea de xente movéndose pola rúa, facendo moito ruído e brincando á vez. Pero a realidade é que o bloque funciona cunha precisión case militar, aínda que sen ningunha das súas normas ríxidas. Unha batucada é, en realidade, unha conversación constante onde os instrumentos non fan ruído, senón que falan.

Máis alá das partituras, imos analizar como funciona por dentro os órganos deste animal de pel de parche.

1. O Corazón: Os Surdos

Os surdos son os tambores grandes, os graves, os que se senten no estómago antes que no oído. Son os que poñen os pés na terra.Nunha batucada non todos os surdos fan o mesmo: os de Primeira e Segunda dialogan nun balanceo constante (un marca o tempo e o outro responde no contratempo), creando o esqueleto que sostén a marcha para que ninguén se caia. O surdo de Terceira é o máis gamberro: métese por en medio facendo debuxos, rompendo a monotonía e dándolle o "swing" ou o groove que che obriga a mover as cadeiras. Se os surdos dubidan, o bloque colapsa. Son o chan sobre o que camiñamos.

2. O Sistema Nervioso: As Caixas e o Agogô

Se os surdos son os pés, as caixas son os pasos. Co seu son metálico e constante, as caixas encárganse de encher os ocos, de manter a velocidade e de que o ritmo non perda forza nin un só segundo. Son o motor de combustión do bloque.

Pola súa banda, instrumentos como o agogô ou o tamborín poñen a melodía e a clave. A clave é esa frase curta e afiada que se repite ciclicamente e que serve de mapa guía. É o compás que lle di ao resto dos instrumentos onde están os acentos importantes.

3. A Voz e o Comando: O Repique e o Director

Como se consegue que vinte ou trinta persoas paren en seco, fagan un silencio absoluto ou cambien de ritmo á vez sen usar un micrófono? A través da linguaxe dos cortes (ou breaks).

Aquí entran en xogo o director (que utiliza sinais visuais e un chifre) e o repique, ese tambor pequeno e agudo que se toca con baqueta e man. O repique é a voz cantante, o tradutor. Cando o director fai un sinal coas mans, o repique executa unha "chamada": unha frase rítmica rápida e descarada que todo o bloque recoñece ao instante. É o equivalente a dicir: "Atención, que á de catro cambiamos". O bloque escoita a chamada, responde ao unísono e crava o corte cunha precisión cirúrxica.

4. A rúa como espazo de igualdade

O máis bonito desta anatomía é que ningún instrumento é máis importante ca outro. Un repique sen un surdo detrás non ten forza; un surdo sen unha caixa que o empurre vólvese pesado. Non hai solistas. A beleza do bloque radica en que o resultado final depende da xenerosidade de cada persoa para poñer o seu tambor ao servizo do conxunto. Na batucada, a túa forza mídese pola túa capacidade de escoitar a quen tes ao lado.